Sexan benvidos á nova web da Catedral de Santa María da Asunción de Tui.
Nesta web poderán encontrar toda a información relativa á Catedral Tudense, coñecendo a súa historia, a arte que nela conserva, o seu patrimonio histórico, e, do mesmo modo, poderá coñecer como a Catedral é centro e parte da vida da cidade, irradiando todas as manifestacións cristiás que constitúen a súa finalidade primordial.
Falar do primeiro templo tudense é falar da cidade de Tui. É falar de historia e tradición xa que, situada no alto do outeiro rochoso onde se acha xunto ao paso do caudaloso río Miño e o seu carácter de fronteira con Portugal, a Catedral foi testemuña do devir histórico deste pobo ao longo dos séculos.
Debemos buscar os antecedentes desta magna construción na primitiva basílica paleocristiá dos séculos V-VIN, en tempos do Reino Suevo, se ben os rexistros arqueolóxicos advirten unha ocupación do espazo ininterrompida dende tempos prerromanos. De nome Castellum Tyde, a cidade era cabeza da bisbarra dos Grovios, pertencente ao Conventus Bracarensis; nos séculos seguintes converteuse nun centro de especial relevancia, punto clave para o comercio e sede de monarcas e poderosos nobres, desenvolvéndose principalmente unha intensa actividade comercial no seu porto cara ao século XV. Documéntase tamén de forma fidedigna a presenza de dúas sinagogas da importante colonia xudía durante a Idade Media.
O edificio catedralicio actual comezou a coller forma ao longo do século XII tralos convulsos períodos de invasións sarracenas e normandas cando a cidade foi erixida novamente como sede episcopal. É entón cando os bispos, co apoio de reis e nobres, impulsan a construción do templo conseguindo para este fin numerosos privilexios e concesións. A presenza de murallas e fortificacións denotan o carácter defensivo da cidade, dada a súa importancia estratéxica como cruzamento e confluencia de camiños.
0 comments on “Historia”