Noticias

San Telmo

Por todos é coñecida a fama de santidade de San Telmo entre os navegantes dende tempos moi remotos. Pero convén facer unha breve recapitulación, con carácter haxiográfico, do santo patrón da cidade de Tui e desta diocese galega de Tui.Vigo.
De nome Pedro González, naceu en Frómista (Palencia) cara ao ano 1190 no seo dunha familia podente, o que lle valeu para poder realizar os seus estudos universitarios na cidade palentina e posteriormente cursar estudos eclesiásticos chegando a ocupar unha coenxía na devandita catedral grazas á bula papa conseguida polo seu tío, xa que non reunía unha das principais condicións para poder acceder a ela: a idade.
O carácter do mozo Pedro González distaba moito de ser o que comunmente é coñecido como “un home de Deus”, pois de sobra era coñecida a súa vaidade e a súa paixón polo luxo e a vida pracenteira.

Acaeceu entón que, certo día, cal Saulo camiño de Damasco, engalanado e a cabalo, Pedro González caeu ao chan dando a parar sobre un charco de lama, provocando as risas de todos os presentes. Foi entón cando tomou conciencia do que era a súa vida, e a súa necesidade de transformarse ao servizo de Deus e da Santa nai Igrexa. Decidiu entrar na nova orde mendicante que fundara un clérigo con fama de santidade, Domingo de Guzmán, pasando a engrosar as filas do poderoso exército relixioso que posteriormente constituiría a ORDE DE PREDICADORES (dominicanos).

Profesou e a súa fama de bo conselleiro chegou a oídos do monarca castelán Fernando III o Santo, que por entón se achaba inmerso nas campañas de Andalucía loitando contra os musulmáns. Acompañouno nesta tarefa e consagrou como igrexas numerosas mesquitas e morabitos conquistados aos andalusís e posteriormente, decidiu dirixirse ao norte para predicar en Asturias e Galicia entre as xentes sinxelas, como campesiños e pescadores. Neste contexto comezou a ter fama de santidade entre as xentes, aínda sendo prior do convento de Guimaraes en Portugal. Xa ancián se retirou a Tui, onde morreu mentres intentaba realizar unha peregrinación ata a catedral compostelá.

Á súa morte, foi coñecido entre as xentes como “corpo santo” o corpo santo en referencia aos numerosos milagres que, debido á súa intercesión, se producían. Os navegantes do Miño, coñeceron este feito e pouco a pouco a fama de santidade de Pedro González afianzouse entre os mariños, denominándoo San Telmo, a pesar de estar soamente beatificado dende 1741 por Benedicto XIV (se ben a Igrexa recoñece o culto universal a San Telmo). Por este feito, é representado a miúdo tendo por atributos o cirio e a vela, que dan luz e protección aos mariños cara a bo porto.

A súa festa celébrase o luns da segunda semana de Pascua, onde recibe a devoción de todos os tudenses que acoden numerosamente á novena que na súa honra ten lugar na Catedral de Santa María da Asunción.