Novas

Asunción da Virxe María

Unha das máis antigas tradicións do Pobo Cristián é a piadosa crenza de que a Virxe María subiu aos ceos ao final da súa vida en corpo e alma, ao igual que O Noso Señor Xesucristo o día da súa Ascensión. A devandita crenza, compartida dende os primeiros tempos tanto por católicos coma por ortodoxos, supón un impulso importante na veneración de María, Nai do Señor e nosa, como mediadora de todas as grazas obtidas de Deus.

A pesar de constituír unha crenza sólida -a maioría delas aséntanse sobre un principio lóxico e teolóxico- non será ata mediados do século XX cando o Venerable Pío XII, de feliz memoria, proclame na bula Munificentissmus Deus a Asunción de Santa María como dogma de Fe do Catolicismo, é dicir, como unha verdade que non pode ser cuestionada (non obstante, todos os dogmas de fe antes de ser promulgados deberon ser estudados minuciosamente durante moito tempo á luz da tradición e as Escrituras por sabios teólogos). Grandes santos e pais da Igrexa, como Santo Tomás de Aquino e San Agustín de Hipona, expresaron fundadamente o seu apoio intelectual á piadosa crenza da Asunción, festa cuxa celebración se ten constancia escrita dende o século VI aínda que, presumiblemente, a súa celebración é moito anterior.

O dogma da Asunción condensa en si tres momentos fundamentais da vida de María: a súa morte corporal, a resurrección e o seu traslado en corpo e alma aos Ceos dunha forma case xustapoñer. Deste modo, a tradición popular tampouco fai referencia á “morte” senón tan só á “durmición” da Virxe, tomando como base os relatos dos primeiros cristiáns e a tradición oral.

Deste modo, a Arte Cristiá prodigouse na representación artística (sobre todo en pintura e escultura) deste momento clave da Vita Mariae.

Na Catedral de Tui podemos observar como a imaxe da Asunción, titular do templo, pende do teito primorosamente centrando o cruceiro, dando a sensación de que, realmente, está a ascender sobre o aire. Trátase dunha bela imaxe, de delicadas faccións, ampulosidade nas roupaxes e esmerada policromía realizada no século XVIII. Posiblemente, formase parte dun retablo neoclásico hoxe desaparecido. Na representación, a Virxe, é elevada ás alturas sobre unha nube sostida por un coro de anxos que resaltan a excelsitude de María como raíña de ceos e terra.